Harry Carter: Orixes da tipografía. Punzóns, matrices e tipos de imprenta (séculos XV y XVI)

Andreu Balius

O xenial deseñador gráfico e tipógrafo afincado en Barcelona Andreu Balius redactou este artigo para a revista Grrr número 6 onde nos presenta un dos libros tipográficos que máis lle gustou: Orixes da tipografía de Harry Carter.


Hai tempo que teño o estante da mesa de noite cheo de libros e revistas que nunca acabo de ler. Ben, esaxero, de cando en vez si son quen de concluír algún artigo, algún texto que suscita inesperadamente o meu interese. Malfadadamente, en máis ocasións das que quixer, os libros que colecciono temporalmente xunto a miña cama, só serven para prender no sono. Trátase de mamotretos aburridos que funcionan con máis eficacia que calquera fármaco de uso legal. Mais todos sabemos que hai outra caste de libros, aqueles que fan soñar esperto. Os que transportan aos mundos ficiticios —ou non— os que te enlean no labirinto das boas historias.

Poucas veces se consegue un bo equilibrio entre entretemento e contido, sobre todo, cando o libro que tes entre as mans é un manual sobre historia ou un ensaio sobre algún tema moi específico. Abofé que iso é moi subxectivo, por tanto non me entreterei máis. Nin sequera para xustificar porque me gustou un dos libros aos que prestei maior atención nos últimos meses.

Falo do libro de Harry Carter Orixes da tipografía. Punzóns, matrices e tipos de imprenta (séculos XV e XVI), editado por Ollero e Ramos e cunha cuberta coidadosamente deseñada por Alfonso Meléndez.

Si, xa sei que soa aburrido —ou mesmo un tanto pornográfico— iso das matrices e os punzóns. Porén, cando menos as persoas interesadas na tipografía debería sentir curiosidade sobre as orixes e as engrenaxes dunha arte, artesanía ou oficio (como se lle queira chamar) que serviu para fixar o pensamento no medio impreso durante tantos séculos.

Hai uns anos entusiasmeime cun libro escrito por Fred Smeijers chamado Counterpunch, o cal non deixei de recomendar a todos os meus amigos. Nesa obra, Smeijers, introducíanos na fabricación de tipos no século XVI, desde a súa propia perspectiva como tipógrafo.

Pilar Vélez, nun seu estudo, Eudald Pradell i la tipografia espanyola del segle XVIII, fai tamén unha boa descrición verbo da arte de abrir punzóns durante esa época.

En Counterpunch o autor mostra a relación entre os vellos procesos e os actuais, a salientar aquilo que é fundamental no deseño de tipos. Este libro significou unha das miñas mellores aproximacións ao “pasado” da tipografía e coido que influíu enormemente á hora de escoller posteriores lecturas; unha delas, a nomeada Harry Carter.

A view of early typography up to about 1600 foi publicado pola Oxford University Press en 1969. O libro recolleu o contido das conferencias pronunciadas por Harry Carter en Oxford no ano 1968. É un dos poucos estudos sobre a historia dos tipos de imprenta entre os séculos XV e XVI. É un texto moito máis profundo e teórico —e desde un posicionamento historiográfico— que o seu contemporáneo Counterpunch (título non traducido aínda ao castelán e fica feito o chamamento!!!). A súa exhaustividade histórica provoca no lector un certo cansazo algunhas veces mais, sen dúbida, responde á metodoloxía do autor que intenta demostrar as súas hipóteses sobre o desenvolvemento das formas nos tipos de imprenta. Así, moitas páxinas son verdadeiros compendios de datos históricos que axudan a corroborar as súas intuicións.

O texto está acompañado dunha diversidade de reproducións que facilitan a boa comprensión no que respecta á evolución dos tipos de letra utilizados na impresión de libros. Hai que dicir que a edición en castelán descoidou a calidade das imaxes e algunhas delas móstranse en estado lamentable (por non empregar un cualificativo escatolóxico que mellor determinaría a súa calidade de reprodución). É unha mágoa xa que o libro responde a una investigación seria e as ilustracións que escolleu Carter para apoiar os seus argumentos son determinantes e precisan dunha mellor “resolución” sobre o papel.

Harry Carter arranca co secretismo que rodeou a actividade da impresión de libros. Para el, a invención da imprenta non é máis que o resultado dunha serie de procesos nos que a tipografía —o arte de abrir punzóns— tiña un papel fundamental.

Falar das orixes da tipografía non é máis que falar dos inicios da imprenta e da súa posterior evolución como proceso industrial altamente especializado. Os comezos non fican moi claros, por iso Carter inunda as páxinas de datos e detalles históricos para intentar dar unha idea de como se realizaba e se organizaba esta actividade.

Nun principio eran os mesmos impresores os que financiaron e organizaron a fabricación de tipos. As tarefas de gravar punzóns, petar e xustificar matrices, producir os moldes e fundir tipos eran procesos alleos á impresión e realizábanos contratistas independentes. Da habilidade para conseguir un bo material tipográfico dependía o futuro dun impresor.

A maioría destes fabricantes de tipos —os primeiros deseñadores de letras— eran gravadores de moeda, orfebres hábiles na fabricación de punzóns para a creación de letras e símbolos en relevo sobre metal. A mediados do século XV estes artesáns estaban xa establecidos nas cidades máis importantes e organizados en gremios.

O autor sostén, fronte a outras, a teoría de que desde a invención da imprenta foron utilizados os tipos fundidos e non os de madeira como algúns historiadores aínda sosteñen. Tipos que eran gravados en punzóns de aceiro e que, despois, eran golpeados sobre metais más brandos para crear unha matriz. E esta era a única maneira coñecida, segundo o autor, para fundir tipos antes de que a imprenta se inventara e que continuou case sen mudanzas, ata o século XX.

Un elemento importante no deseño de tipos é o ollo. O seu tamaño ou grao foi durante moitísimo tempo a medida tipográfica ao uso. “Quenquera que fabricase letras para a impresión debía coñecer antes que clase de letras tiña que facer. A liberdade potencialmente ilimitada do punzonista está restrinxida pola natureza mesma das letras, que é convencional, e pola súa función, que debe ser recoñecida deseguido”. Esta cita, que me atrevo a destacar, sinala algo que continúa vixente para os actuais deseñadores de tipos na actualidade. E segue Carter: “Cando se inventou a arte de imprimir, o home que se encargou da tarefa de modelar as letras mestras para ser reproducidas como tipos serviuse das formas coñecidas”. Así, a escritura manuscrita serviu de modelo para a realización dos primeiros tipos de chumbo. Daquela, non había necesidade de conseguir unha forma tipográfica especial. Para Carter, calquera que gravase letras en punzóns para fabricar tipos viviu rodeado delas en monumentos, nos sepulcros, en moedas, libros… Reproducen a escritura libraria da época como un valor de garantía. Aínda que o que os impresores e os fundidores de tipos precisaban era descubrir unha nova estética que estivera más acorde cos novos tempos.

Esta nova estética chegou cos movementos culturais que se orixinaron no sur de Europa. O Renacemento foi un verdadeiro impulsor da arte da imprenta. Os libros e o deseño de tipos eran elementos vitais para favorecer o pulo das ideas, á vez que esas mesmas ideas acabaron influíndo nas formas e nos avances técnicos da incipiente industria do libro.

A escritura dos copistas que se pensou era necesaria imitar no século XV deu lugar a letras máis coidadosamente deseñadas. Os efectos do Humanismo italiano na fabricación de libros foron definitivos. Erasmo preferiu a redonda para a impresión dos seus textos. E como el toda unha corrente de pensamento adoptou un ollo más aberto e redondo para a difusión das ideas humanistas que foi desprazando o uso da tipografía gótica; primeiro no sur e máis tarde no norte.

Co Concilio de Trento decidiuse substituír o tipo Gótico textura polos novos ollos redondos. Había un certo acordo en canto á adopción dun tipo ou outro segundo o contido. Así, os libros eclesiásticos, os misais e os cantorais debían imprimirse na textura formal; para os breviarios, os libros de texto do clero e os estudiantes considerábase más adecuada a rotunda alemana (a gótica de estilo italiano de ollo más redondo que o tipo textura).

Jenson e Aldo Manuzio consolidaron un modelo baseado na maiúscula clásica (a capital romana) e unha caixa baixa o máis axustada posible respecto da alta. Aldo, por súa vez, foi o artífice da escrita cursiva que se acabou por se converter no símbolo do Humanismo erudito.

Harry Carter analiza a adopción dos tipos clásicos en cada país en relación co desenvolvemento das linguas vulgares, salientando, ao paso, os seus protagonistas.

Deste xeito, destaca a importancia dalgúns personaxes como Felice Feliciano en Italia que, en 1463, debuxou as letras capitais romanas segundo un esquema xeométrico que serviu de modelo para posteriores aproximacións ao tipo Antiqua clásico. Ou a estraña aparición en Estrasburgo, en 1469, dun tipo redondo aplicado aos textos impresos polo chamado impresor da “R”, un descoñecido pioneiro que imprimiu a Vulgata en redonda.

Carter analiza, entre outros, o caso francés e o papel desempeñado pola monarquía na modernización e desenvolvemento da imprenta. En Francia, a monarquía entendeu que as boas edicións eran a base para favorecer o movemento Humanista, ao paso que contribuían ao engrandecemento da súa propia imaxe. Desta maneira, Geofroy Tory foi nomeado imprimeur du roi e, como tal, foi o reformador da arte do libro e destacado defensor do francés como lingua literaria. Grazas a este contexto pode entenderse o traballo de Garamond e doutros punzonistas senlleiros.

O século XVI é unha centuria de grandes figuras no deseño de tipos, Carter estabelece relacións entre eles e analiza a súa contribución á historia da tipografía.

Moi poucas veces un deseño perdurou tanto como moitos dos tipos de letra creados durante este período histórico. Algúns dos cales influíron en deseños posteriores e aínda forman parte das nosas bibliotecas habituais de fontes.

As orixes da tipografía de Harry Carter merece, ao meu ver, ocupar un lugar nas nosas bibliotecas de deseño ao igual que outros títulos aos que xa nos referimos no anterior número de Grrr.

O artigo orixinal pódese ler na web da revista Grrr

406 comentarios:

Miguel Catopodis
mcatopodis@masmedia.com.ar

Después de leer este artículo, sin duda uno se pregunta porque no ha leído todavía este material. Ahora bien: ¿es "Orígenes de la tipografía..." la versión en castellano del ya clásico "A view of early typography up to about 1600"? Por último concuerdo totalmente con Andreu en sus apreciaciones sobre "Counterpunch" de Fred Smeijers.

Pablo
www.cosgaya.com

Oscar: Algo sucede con el enlace del artículo. Por favor échale una mirada. Un saludo desde Rosario, Argentina.

Oscar

Gracias, Pablo por avisar. Ya está corregido. Un saludo


Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento 2.5 España de Creative Commons.