Carlos Núñez, charla en Santiago

Oscar Otero

Un sábado pola mañá, nunha tranquila cafetería da zona vella de Santiago de Compostela, tiven a sorte de poder charlar cun dos grandes da tipografía e o deseño de Galiza: Carlos Núñez, pai do famoso gaiteiro e creador da Gallaecia Castelo. Cada palabra, cada historia que contaba, agochaba unha impresionante sabiduría e coñecemento producto da súa propia experiencia. A pesares dos anos, "le Vieux", como se autodenomina, conserva un dinamismo e gañas de facer cousas que xa lle gustaría a moitos dos xoves deseñadores actuais. Este dinamismo fai que acuda a calquera signo de vida que surxa en Galiza ou fora dela en temas de deseño e tipografía como neste caso, co descubrimento de letrag.


Estudiei políticas en Moscova e no ano 65 vin para España. Aquí xurdíronme moitos problemas: detencións, cárceres e condenas que supuxeron unha paréntese importante na miña vida profesional. Marchei para o exilio, volvín no 75 e nese momento fundei Variografik, o primeiro estudio autónomo que se montou en Galiza xa que daquela non había nada.

Un tempo despois apareceu Permuy e vin ata Santiago a coñecelo porque cando vexo a alguén por aí que se move, que fai algo, vou a coñecelo e ter unha relación, un contacto. Sempre é interesante e bo. Por exemplo, teño moi boa relación con grafistas franceses de actualidade e cando lle falas de Santiago de Compostela quedan impresionados. A algún téñolle mentido, dicíndolle que era de Santiago en vez de Vigo e tratáronme coma un rei (risas).

Santiago de Compostela é unha cidade estratexicamente moi importante. Tivo moita importancia na Idade Media e continúa tendo importancia. Hoxe en día pretende ser un centro cultural porque unha institución pública así a montou, a canonizou e lle meteu unha especie de embudo para convertela nun centro que irradie cultura. Pero a cultura non é iso, a cultura é cada pobo, cada esquina, cada lugar… Hai que practicar unha política cultural descentralizada. O centralismo é moi malo pero se ese centralismo é autonómico, pode ser terrorífico.

Os pasos que se están dando hoxe en día en Europa coas novas xeracións no tema da tipografía son moi importantes. Volve a estar de moda a caligrafía con pluma de ave, que é moito máis complicada que a pluma convencional. En Francia, en Bretaña e neses países do norte hai moitas academias de caligrafía. Pero ningún deses tipógrafos ou grafistas entendería nunca que non haxa ningunha academia de caligrafía en Santiago. En Galiza non hai tradición tipográfica como pode haber, por exemplo, en Cataluña.

Estou creando un diccionario dende fai catro anos sobre a tipografía histórica, a caligrafía galega e europea, as artes gráficas e o deseño. Un diccionario de 11.000 entradas coa intención de recuperar eses nomes que se esquecen, que historicamente se van. As novas tecnoloxías están sepultando todo esto, de tal xeito que unha xeración de tipógrafos de chumbo que aínda vivan, non entran neste mundo dixital porque se quedaron atrás e a xuventude actual non entra na tipografía de tipos móbiles porque xa non se usan. Que se está a facer en Valencia ou, sobre todo, en Barcelona? Están retomando vellas imprentas en locais pequenos, onde o que fan é imprimir pequenas cousiñas en papel de tina, que é o papel feito manualmente, non de fábrica. Facer este papel ten un custe, claro, por iso é un producto de venta unicamente para institucións públicas. Con este sistema costa moito facer tres cartas, pero as institucións como a Generalitat de Catalunya están axudando e esto está proliferando moitísimo. Aquí en Galiza para recuperar unha máquina do século XVIII e poder crear un museo de artes gráficas, recuperar documentos antigos ou montar calquera outra cousa fai falta un milagre.

Baixo o meu punto de vista, existe un certo paralelismo entre a tipografía galega e a vasca, xa que as dúas proveñen das pedras e estanse recuperando formando parte da identidade nacional. Pero mentres que no País Vasco existe un gran número de familias creadas, e incluso o Concello de Bilbao subvencionou a creación dun alfabeto vasco para a sinalización da cidade, en Galiza o único proxecto serio que existe é a súa tipografía Gallaecia Castelo.
A orixe da letra vasca e a galega non son a mesma. Neste momento temos dúas letras máis que aínda non as sacamos ó mercado. Son letras autóctonas que recuperamos. Pero esto das letras autóctonas é bastante complicado porque non se trata de coller un documento e reproducilo como tal. É necesario desmenuzar as letras, ver que tipo de ollo teñen, tipo de asta, ascendentes, descendentes… e estar día a día facendo probas ata chegar ao resultado esperado. Que ocorre aquí en Galiza? Ocorre que as mellores fontes de inspiración e documentación están nas igrexas. Por exemplo, o Museo Diocesano de Tui ten unha riqueza enorme de tipografía e caligrafía, pero alí non entra unha cámara fotográfica, non te deixan nin mirar. Está prohibido, e ademais, actualmente está pechado porque non é rentable, porque a igrexa non ten cartos para pagarlle a unha persoa para que abra as portas. Esto é algo vergonzoso. No museo da catedral hai multitude de cousas que non te deixan ver, solo te deixan ver o superficial, o menos importante. Estiven moitos anos intentándoo pero non houbo maneira. Cando presentei a Gallaecia Castelo en Santiago para La Voz de Galicia denunciei este tema pero ninguén me fixo caso. O xornal publicou a súa noticia pero da denuncia non dixo nada. Se vas por exemplo a calquera igrexa evanxélica de Irlanda ou outro país, déixanche ver os documentos e todo o que teñen, a non ser que vexan que es hispano, e polo tanto católico, que non che deixan tocar nada. Aínda así, son institucións moito máis abertas ao documentalismo que as nosas igrexas. Que facer ante este problema? Pois hai que inventar cousas, e entón, o máis sinxelo, o que che deixan facer é percorrer as pedras dos castelos, das tumbas e dos museos porque esas non se poden tapar. Vas sacando fotos ás letras e logo vas xuntando: esta é o ‘E’ que se sacou deste sitio, este é o ‘E’ daquel outro, outra de acolá e así vas sacando todo. Pero é un traballo de moito tempo e moito esforzo porque unha vez que tes o abecedario feito hai que escanealo e traballalo. A Gallaecia Castelo fíxose en Amsterdam, onde hai verdadeiros especialistas neste tema. Unha vez que fas a letra e a concibes para que teña unhas determinadas dimensións, un determinado track, veñen os expertos tipógrafos e montan todo o demais: as posibilidades vectoriais do ‘a’ co ‘b’, o ‘c’ co ‘a’, o ‘e’ co ‘i’... etcétera. Eso é moi, moi caro. A montaxe da letra Gallaecia custou preto de tres millóns de pesetas, e hoxe este estudio estará en cinco millóns. E non a debuxan, que eso tes que facelo ti, é pasala ao soporte. Tamén o podes facer por 100.000 pesetas se queres, pero claro, despois sae como sae, e o ‘e’ tira para arriba e o ‘b’ para abaixo…

Sobre as letras en papel
O papel ten unha influencia europea moi grande. O Camiño de Santiago condicionou o elemento gráfico polas modas europeas. Quen dou o verdadeiro impulso das letras caligrafiadas antes da imprenta? Foi a progresión europea que comezou no século XIII ata o XVI con países como Alemaña, os Países Baixos, España ou Italia. Foron as relacións comerciais o que fai que as letras de varios sitios e os documentos circulen. Non foron os monxes. Os monxes o que fixeron na Idade Media foi a de estatificar, facer permanente unha liña gráfica dende do século V ata o Renacemento collendo un documento e copiándoo exactamente igual. A súa labor foi preciosa, porque grazas a eles chegáronnos cousas. Pero o que é a evolución da letra, os monxes non nos aportaron nada, aportaron os notarios, os comerciantes, os reis e toda esa xente que escribía. Por exemplo, Cervantes ten unha caligrafía preciosa, a súa letra é algo marabilloso. E Lope de Vega tamén ten unha letra preciosa, igual que outros autores do século XIX e XX. Fíxose en Madrid unha exposición na Biblioteca Nacional sobre a letra, a firma de grandes autores e a evolución da letra. Madrid ten outra visión sobre este tema.

Aquí, en cambio, dáme pena dicilo e o digo baixiño porque me dá coraxe, porque parece que estea tirando pedras contra os nosos, contra a nosa casa, pero aquí hai moita pobreza nese sentido. Tiñas que ver como nunha cidade pequeniña como Bourges, no centro de Francia, ten uns calígrafos xoves, que seguramente traballan noutras cousas, quizais son profesores de matemáticas, de física, deseñadores, pero todas as tardes, de 5 a 9 van a unha clase de caligrafía. Alí hai plumas, papeis, organizan exposicións, recuperan técnicas como o carboncillo, acuarela e hai un ambiente tan bonito e tan creativo… Aquí non se fai nada, non hai estímulo ningún.

501 comentarios:

Anónimo

Parabéns. Deixe de «pintar monas» e dedíquese ao xornalismo... Agora en serio, moi bo traballo, como sempre.

Jan
sonhosdedelft.blogspot.com/

"Un abecedario é unha filosofía, un comportamento de vida estético, é dicir: un 'a' de Bodoni non é un 'a' de Morris nin un 'a' de Gill porque expresa unha emotividade diferente.[...] Unha cousa pode ser útil, ter forza, débil, amorosa, agresiva, sanguinaria... pero a palabra 'bonito' non di nada." Qué gozada!!! Milleiros parabéns!!!

berto
www.aduaneirossemfronteiras.org

grande entrevista e moi amena... gustariame ver máis cousas asi nesta web, nunca deixar de evolucionar :)... parabéns!

ArvPart
arvpart@gmail.com

Impresionante.

el niño de la guía
aranheira.net

Simplesmente genial :)

raquel
www.ekinocio.com

A entrevista é moi interesante, e non lle falta razón ao tipógrafo.

ascárida

:)

berto
www.aduaneirossemfronteiras.org/

"Eu coñezo o neto de Eric Gill, está en Moaña." ... eu tamén, fíxose bastante famoso nos 80 coas súas cancións e o seu Casiotone, usaba o nome artístico de Gill Ríos

Diego Carracedo
diego.carracedo@multipla.es

Enhoraboa pola entrevista a os dous, e un pracer de este mundo.

tonho ferreiro
tonhoferreiro@gmail.com

Parabéns. Non teño moito que decir que non se comentara xa.


Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento 2.5 España de Creative Commons.