Romanas clásicas

Chámanse así os alfabetos baseados nos tipos clásicos romanos cortados para imprenta que apareceron no século XV, derivados das letras manuscritas italianas, e que foron evolucionando ata o século XX.


Antigas

Foron deseñados durante os séculos XVI e XVII. Tamén se coñecen como "Old Face" ou "Garaldas". Caracterízanse pola modulación oblicua, contraste medio, trazos terminais máis lixeiros que os tipos Humanísticos e peso e cor medio.


Capitulares

Son aquelas derivadas das letras talladas na pedra polos romanos dando lugar ao alfabeto que coñecemos actualmente. Están formadas unicamente por maiúsculas xa que as minúsculas aparecerían máis tarde.


Humanísticas

Tamén coñecidas como "Venecianas", apareceron no século XV, derivadas das letras manuscritas italianas. Caracterízanse pola modulación oblicua, pobre contraste, peso intenso e trazos terminais grosos e inclinados.


Modernas

Apareceron no século XVIII grazas aos avances tecnolóxicos que permitiron un maior refinamento na creación de tipos. Destacan polo forte contraste entre o grosor dos paus, modulación vertical e os remates horizontais.


Transicionais

Apareceron a finais do século XVII. Foron as primeiras tipografías deseñadas sobre unha cuadrícula. A modulación é vertical ou case vertical, os remates angulosos e encadrados e o contraste entre paus é medio-alto.


Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento 2.5 España de Creative Commons.