Joaquín Ibarra y Marín, nacido en Zaragoza en 1709, foi un dos grandes impresores españois da historia. Recoñecido a nivel nacional e internacional, foi o impresor de cámara de Carlos III. A súa tipografía mái famosa foi a utilizada para imprimir unha das súas obras máis fermosas e recoñecidas: “El Salustio”. A tipografía, deseñada e cortada en realidade por Antonio Espinosa de los Monteros, viviu o seu máximo esplendor alá polo ano 1770 e deixouse de empregar preto de 1965. A principios da década de 1990, a imprenta zaragozana Gráficas San Francisco tivo o acceso a esa obra ao imprimir un fascimil da mesma. Pablo Murillo, un dos traballadores da imprenta, e José Luis Acín obtiveron imaxes microfotográficas dos caracteres orixinais para recuperar e dixitalizar a tipografía e podela utilizar nos ordenadores. Sacáronse cinco mostras distintas de cada letra para reconstruíla o máis exacta posible. Mediante o uso do computador intentouse debuxar os contornos de todas as letras e empregouse a tipografía Times New Roman para completala cos caracteres que non se empregaban nesa época, como o símbolo do dólar ou a arroba. A parte informática do proxecto foi levada a cabo grazas á Universidade de Zaragoza por medio do Grupo de Informática gráfica do profesor Francisco José Serón Arbeloa e os seus alumnos Juan Ignacio Pulido e Sandra Baldasarri. Grazas á financiación do Goberno de Aragón e Ibercaja, o Instituto Tecnolóxico de Aragón (ITA) e a imprenta San Francisco remataron o proceso en 1993, editando un libro que recollía a historia e incluía un disquete coa tipografía para PC e Mac en formatos TrueType e Postscript, recomendando a copia e máxima distribución dos arquivos. Tamén se chegou a un acordo coa multinacional AGFA – Gevaert para a incorporación da Ibarra á súa colección de tipografías con caracter mundial, como se recolle no propio libro. O resultado é unha letra cunha aparencia antiga e uns contornos non demasiado definidos. Posúe algunhas desproporcións, problemas de kerning propios da impresión con tipos móbiles e non existe unha unidade nos grosores dos trazos, o que denota que máis que unha reconstrucción, trátase dunha reproducción dixitalizada da letra sacada do orixinal. Por esa razón a súa aparencia reflexa esas irregularidades propias da tecnoloxía e técnicas da época que poden resultar apropiadas para deseños onde se queira transmitir esa sensación. A tipografía é totalmente gratuíta e de libre descarga.

Ligazóns


Creative Commons License
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento 2.5 España de Creative Commons.
Páxina web creada por Oscar Otero (oom!)